Tuesday 17 de September de 2024

San Sadurniño xestionará neste ano cerca de 780.000 euros do Plan Único da Deputación


A deputada de plans provinciais e asistencia a municipios, Cristina García, visitou esta mañá San Sadurniño, onde presentou os investimentos da Deputación no noso municipio e visitou unha das zonas que se beneficiarán do Plan Único, concretamente a pista de conexión entre a Capela de Belén e a piscina municipal dos Currás, que se aglomerará proximamente cun investimento superior aos 91.000 euros. A deputada provincial estivo acompañada pola responsable municipal de Cultura, Araceli Bellas, e polo alcalde, Secundino García, quen destacou a importancia das achegas provinciais para a execución de infraestruturas básicas e o desenvolvemento doutros proxectos.

Tal e como informa a propia Deputación, neste exercicio o Plan Único destinou a San Sadurniño un importe de 778.246€, que forman parte dos 10.1 millóns de euros consignados para os municipios da comarca e dos máis de 100 millóns que se distribuirán entre os 93 concellos da provincia.

Fondos que, segundo Cristina García Rey, “se reparten con criterios obxectivos entre todos os concellos da Coruña” e que logo se aplican garantindo a autonomía municipal. “Para nós é fundamental que sexan os gobernos municipais os que decidan como queren investir os fondos da Deputación”, sinalou a deputada de plans provinciais e asistencia a municipios. “Ademais, o Plan Único cobra especial relevancia en concellos pequenos como San Sadurniño, chegando a representar nalgúns casos ata o 30% do seu orzamento total”.

A deputada puxo en valor a contribución provincial ao desenvolvemento dos municipios da provincia durante a visita que fixo esta mañá a San Sadurniño para ver sobre o terreo algunhas das actuacións financiadas polo Plan Único. Unha delas será o ancheado e aglomerado da pista que enlaza a Capela de Belén -no Campo da Feira- coa área recreativa dos Currás. Son uns 800 metros de percorrido nos que se investirán máis de 91.000 euros procedentes dun dos plans adicionais de 2024 (plans que a Deputación suma ao reparto inicial do Plan Único a medida que vai xerando novas partidas económicas).

García Rey, que estivo acompañada na visita por Secundino García e Araceli Bellas, incidiu en que o aglomerado da pista dos Currás é unha obra “que se levará a cabo grazas ao Plan Único da Deputación, que lle permite aos concellos investir os fondos públicos nas obras e servizos que consideren prioritarios”. “Tamén lles permite -prosegue a deputada- ser máis efectivos na posta en marcha dos proxectos e, sobre todo, mellorar o benestar da veciñanza”.

O rexedor municipal, Secundino García, engadíu pola súa banda que os programas provinciais de financiamento “dánnos máis autonomía e axilidade tanto na contratación como na execución, de maneira que, salvo imprevistos, os investimentos poden chegar máis rápido á xente”.

Alén da axuda para infraestruturas, o alcalde de San Sadurniño referiuse ao “imprescindible” cofinanciamento provincial dos Servizos Sociais e doutros proxectos, como o Xeoparque do Cabo Ortegal, o espazo de traballo compartido e de apoio ao medio rural A Fusquenlla, o futuro centro de abordaxe do alzhéimer e outras demencias de Igrexafeita ou a renovación do vaso da piscina municipal, que contan en todos os casos “cunha importante colaboración provincial”.